¿QUEN SOMOS?

Vivimos tempos difíciles. Vivimos nun momento no que o actual sistema político e económico revela a súa incapacidade para ofrecer un nivel de benestar digno para as persoas mentres os grandes capitalistas seguen aumentando os seus beneficios. Paro, desafiuzamentos e ameazas aos servizos públicos. Nun tempo no que se demostra cada día que a pretendida democracia que nos venderon non é tal: os gobernos elixidos a través de votacións xustifican os contínuos recortes sociais decindo que “o esixen os mercados”.

¿E quén son eses mercados?: Os bancos, entidades financeiras e as grandes empresas. Entón: ¿quén nos goberna realmente?, ¿os mercados?, e ¿quén elixiu a eses mercados para que nos gobernaran?. Evidentemente a xente de a pé non. E se os cidadáns non temos nada que dicir sobre as decisións que nos afectan a todos, a democracia non existe.

A mobilización nacida do movemento 15M é unha resposta a esta ausencia de unha auténtica democracia. A sociedade demostrou que non está totalmente adormecida, que a pesares de todos os esforzos dos medios de comunicación do sistema para manternos na apatía e na ignorancia, soamente interesados en consumir calquera produto que se nos ofreza, non o acadaron. Polo menos non totalmente.

O lume prendido con esta mobilización non debe desaparecer. Debemos seguir polo camiño de reclamar unha auténtica democracia.

As persoas que participamos desta mobilización en Ponteareas non imos deixar de loitar. Levantamos a acampada por considerar que a súa utilidade como modo de protesta estaba esgotada, pero continuamos facendo asembleas onde cada un de nós expresa a sua opinión.

E aquí chegamos ao seguinte paso a dar: queremos facer da Asemblea Ponteareas unha asemblea de tódolos veciños de Ponteareas. Queremos facer de esta asemblea un lugar donde se traian as inquedanzas dos veciños, se debatan os problemas do noso concello, se propoñan solucións e se chegue a acordos e reivindicacións que serán levados ante o goberno municipal. Un lugar onde todos os veciños somos iguais, independentemente da nosa condición social ou económica. Un lugar onde tódolos veciños de Ponteareas se poidan expresar en igualdade de condicións sen necesidade de estar representados por ningunha organización política ou de calquera outro tipo.

Queremos facer da Asemblea Ponteareas a auténtica expresión da democracia no noso Concello. Pero para que isto funcione necesitamos da participación de todos. Se realmente queremos democracia non podemos esperar a que nola traian a casa, hai que sair a buscala. A democracia non existe por sí mesma: ou se constrúe dia a día ou non é nada.